Documento de Actividades do Doutorando
Unha vez matriculado no Programa, materializarase para cada doutorando o documento de actividades personalizado para os efectos do rexistro individualizado. Nel inscribiranse todas as actividades de interese para o desenvolvemento do doutorando segundo o que estableza a unidade responsable dos estudos de doutoramento na Universidade e avaliarase anualmente pola Comisión Académica do Programa de Doutoramento.
Dito documento deberá axustarse ao formato establecido en cada Universidade, rexistrarse na aplicación informática e deberá quedar constancia documental que acredite a realización das actividades realizadas polo doutorando. Este documento avaliarase anualmente pola Comisión Académica do Programa de Doutoramento.
O doutorando terá acceso ao Documento de Actividades de Doutorando para anotar e actualizar as actividades que realice no contexto do programa. Os seus rexistros serán validados polo órgano académico correspondente tras a valoración do/da titor/a e o/a director/a, previa comprobación por parte da administración da autenticidade/veracidade dos méritos alegados, no seu caso.
Ao Documento de Actividades de Doutorando terán acceso, para as funcións que correspondan en cada caso, o doutorando, ou o/a seu/súa titor/a, ou o/a seu/súa director/a de tese, a Comisión Académica do Programa de Doutoramento, a unidade responsable dos estudos de doutoramento na Universidade e o persoal de administración responsable.
Comisión de seguimento do/da doutorando/a
No programa de doutoramento DOMAR, ademais da supervisión por parte dos/as directores/as de tese, cada estudante conta cunha Comisión de Seguimento que se encarga de orientalo ao longo da súa tese, arbitrando discrepancias e avaliando anualmente o Plan de Investigación.
Esta Comisión de Seguimento, específica para cada alumno/a, é nomeada pola Comisión Académica a proposta dos/as directores/as de tese, nos primeiros 3 meses despois da matrícula. Xeralmente está formada, ademais de polo/s director/es, por dous investigadores de institucións diferentes e, sempre que sexa posible, dunha institución galega e outra portuguesa pertencentes a DOMAR ou, no seu defecto, dalgunha institución internacional.
Plan de Investigación
Antes de seis meses desde a data de matrícula, o/a doutorando/a elaborará un plan de investigación, que presentará ante a súa comisión de seguimento. O plan de investigación incluirá unha introdución, a metodoloxía empregada e os obxectivos que se han de alcanzar, así como os medios e a planificación temporal para alcanzalo. O plan debe ser presentado e avalado co informe da Comisión de seguimento e debe ser aprobado pola CAPD.
Anualmente, o estudante deberá presentar e defender ante a súa comisión de seguimento un resumo do seu desempeño no que se inclúe: as tarefas realizadas segundo o cronograma do Plan de Investigación, as dificultades atopadas en caso de atrasos na súa execución, o programa, as actividades formativas realizadas e a proposta de actividades e tarefas de tese para o ano seguinte, especialmente se difiren do cronograma inicial.
A CAPD supervisará anualmente o plan de investigación, o plan de formación e o documento de actividades.
Para iso disporá dos informes que para tal efecto emitirán o/a titor/a e o/a director/a, así como os informes da comisión de seguimento. A avaliación positiva da CAPD é requisito indispensable para continuar no programa. En caso de avaliación negativa, que será debidamente motivada, o/a estudante de doutoramento terá dereito a unha nova avaliación no prazo de seis meses na UVIGO e 3 meses na USC e a UDC, para o que elaborará un novo plan de investigación e/ou de formación. No suposto de producirse unha nova avaliación negativa, causará baixa definitiva no programa.
Compromiso de supervisión
As funcións de supervisión, tutela e seguimento dos doutorandos reflectiranse nun Compromiso de supervisión. Dito compromiso será asinado polo/a coordinador/a do programa, o/a Titor/a e o/a doutorando/a nun prazo máximo dun mes a contar desde a data de matrícula, incorporándose a sinatura do/a Director/a no momento da súa designación. Este Compromiso de supervisión incorporarase ao Documento de Actividades do Doutorando no momento da súa sinatura por todos os implicados.
No Compromiso de supervisión especificarase a relación académica entre o/a doutorando/a e a Universidade, os seus dereitos e deberes, incluíndo os posibles dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial derivados da investigación, así como a aceptación do procedemento de resolución de conflitos e a duración do mesmo. Incluiranse tamén os deberes do/da Titor/a do/da doutorando/a e do/da seu/súa Director/a de tese.
No compromiso de supervisión deberán figurar as condicións nas que se publicará a tese de doutoramento.