Recursos materiais

O programa de doutoramento dispón dunha ampla rede de recursos materiais, virtuais e servizos de apoio proporcionados pola Universidade de Vigo e as institucións participantes.

Entre os recursos xerais destacan a infraestrutura dixital e de conectividade (correo, wifi, almacenamento, videoconferencia), plataformas de docencia virtual (MOOVI, Campus Remoto), servizos de comunicación e divulgación, así como a Biblioteca Universitaria, que ofrece acceso a amplos fondos bibliográficos, bases de datos científicas e espazos de estudo. O programa DOMAR conta ademais con infraestruturas científicas especializadas das sete universidades participantes e do Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC e os laboratorios costeiros da Coruña e Vigo do Instituto Español de Oceanografía.

Universidade de Vigo

Na Universidade de Vigo destaca o Centro de Investigacións Mariñas (CIM) e a Estación Científica Mariña de Toralla (ECIMAT), integrada en redes europeas como EMBRC, que proporciona acceso a instalacións e servizos avanzados en ciencias mariñas. Disponse tamén de equipamento de última xeración para estudos xeolóxicos e oceanográficos, un sistema experimental de observación mariña e un novo buque oceanográfico. Outros centros relevantes son o CINBIO (biomedicina e nanotecnoloxía) e o CACTI, con grandes equipos de análise científica.

Universidade de Santiago de Compostela

A Universidade de Santiago de Compostela conta coa Estación de Bioloxía Mariña da Graña (EBMG), creada para promover e facilitar a investigación e a docencia en bioloxía mariña, así como o asesoramento e a difusión de temas relacionados coa fauna e flora mariña de Galicia. Conta ademais cos recursos, materiais e servizos da EDIUS, dos servizos xerais da USC, das facultades, escolas ou centros onde o/a doutorando/a realice as súas actividades e dos grupos de investigación que participan nas distintas liñas do programa.

Universidade da Coruña

A Universidade da Coruña ofrece servizos de apoio á investigación (SAI), formación transversal, orientación profesional e axudas á mobilidade. A UDC conta co Instituto de Estudos Marítimos, o Instituto de Medio Ambiente e o Instituto de Estudos Europeos, directamente relacionados coas áreas do programa de doutoramento DOMAR. Ademais, o Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil está dotado de tecnoloxía única en Europa e alberga grupos de investigación que estudan aspectos da construción, a enxeñaría hidráulica e sanitaria, as estruturas portuarias e costeiras.

Universidade de Aveiro

A Universidade de Aveiro conta co Centro de Estudos Ambientais e Mariños (CESAM), que reúne diversos equipos de investigación en oceanografía física, xeofísica e xeoloxía mariña, ecoloxía mariña e estuarina, produción primaria, microbioloxía mariña e biotecnoloxía, e conta co apoio do Centro de Innovación e Sostibilidade da Economía do Mar (ECOMARE), que inclúe un centro de experimentación e promoción da acuicultura mariña e un centro de investigación e rehabilitación de animais mariños. Ademais, o Instituto de Telecomunicacións e o Instituto de Enxeñaría Electrónica son unidades de investigación no campo da electrónica e as comunicacións que poden enmarcar proxectos de doutoramento cun compoñente tecnolóxico nestas áreas.

Universidade de Minho

A Universidade de Minho conta con dous campus universitarios: Gualtar en Braga e Azurém en Guimarães, cun total de 11 centros (8 escolas e 3 institutos). Integra diversos centros de investigación, destacando no ámbito do programa o Centro de Bioloxía Molecular e Ambiental, o Grupo de Biomateriais, Biodegradables e Biomiméticos, o Centro de Enxeñaría Biolóxica e o Centro Interdisciplinar de Tecnoloxías de Produción e Enerxética. Tamén integra dous laboratorios asociados: o Instituto de Biotecnoloxía e Bioenxeñaría (IBB) e o Instituto de Nanoestruturas, Nanomodelado e Nanofabricación (I3N). Conta cunha unidade de apoio á mostraxe no mar, equipada cunha embarcación semirríxida de 7,5 m, e equipamento avanzado para a recollida de mostras biolóxicas e sedimentos.

i3n
Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro

A Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro integra o Centro de Investigación en Tecnoloxías Agroambientais e Biolóxicas, o Centro de Química, o Centro de Ciencias Animais e Veterinarias e o Centro de Xenómica e Biotecnoloxía. Estes centros contan con equipos multidisciplinares de investigadores docentes e non docentes en áreas de investigación tan diversas como a ordenación e xestión do territorio, xestión de ecosistemas acuáticos, biodiversidade, biotecnoloxía, reprodución animal e vexetal, acuicultura e ecotoxicoloxía, entre outras áreas de interese para o ciclo de estudos. Estes centros, xunto co Parque Tecnolóxico Régia Douro Park, apoian actividades de I+D e transferencia de tecnoloxía, acollendo grupos do campo interdisciplinar das ciencias químicas, biolóxicas e ambientais.

citab
regia-douro
Universidade de Porto

A Universidade de Porto conta co Centro Interdisciplinar de Investigacións Mariñas e Ambientais, o Centro de Investigación en Biodiversidade e Recursos Xenéticos, o Instituto de Bioloxía Molecular e Celular, o Instituto de Enxeñaría de Sistemas e Informática e o Instituto de Ciencia e Innovación en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Industrial.

Instituto de Investigacións Mariñas

El IIM-CSIC, pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), está adscrito a tres áreas científico-técnicas: Ciencia e Recursos Naturais, Tecnoloxía dos Alimentos e Ciencias Agrarias, estruturándose en catro departamentos: Oceanografía, Recursos e Ecoloxía Mariña, Biotecnoloxía e Acuicultura, e Tecnoloxía dos Alimentos. Tanto as instalacións como os equipamentos e os medios da institución están ao servizo da investigación que realizan os estudantes do programa DOMAR, no que participan desde hai anos algúns investigadores do IIM.

iim
Centro Nacional Instituto Español de Oceanografía (IEO-CSIC)

O IEO-CSIC ten dous centros en Galicia en Vigo e A Coruña. É unha institución científica de referencia a nivel nacional e europeo no asesoramento e na prestación de servizos científico-técnicos a través da observación e da monitorización, desenvolvendo a innovación e tecnoloxía necesaria para estes fins, e xestionando a transferencia e difusión de coñecemento para preservar o estado de saúde do medio mariño, fomentar o crecemento azul e a gobernanza de mares e océanos. A Flota do IEO é unha Infraestrutura Científico-Tecnolóxica Singular (ICTS-FLOTA) e está composta por cinco buques oceanográficos, entre os que destacan o Ramón Margalef e o Ángeles Alvariño de 46 m de eslora, e outra serie de embarcacións de menor porte.

Todo isto complétase con recursos básicos (aulas, laboratorios, bibliotecas, instalacións deportivas e servizos xerais), creando un entorno integral que favorece a formación investigadora, a mobilidade internacional e a empregabilidade dos doutorandos.

Consulta todos os recursos dispoñibles no seguinte documento: Recursos Materiais

X