A microrreserva natural de Praia América será, este verán, unha área de educación ambiental aberta a toda a cidadanía

A microrreserva natural de Praia América será, este verán, unha área de educación ambiental aberta a toda a cidadanía

Con máis dun quilómetro de lonxitude, Praia América tense convertido nun dos reclamos turísticos máis recoñecibles de Galicia. Pero antes de chamarse así, este areal do concello de Nigrán era coñecido como praia de Lourido. Foi precisamente para atraer o turismo polo que en 1927 o empresario Manuel Lemos, emigrante en Arxentina, apostou por rebautizar o areal. Agora, case 100 anos despois, un proxecto científico tratará de recuperar unha pequena parte do que Praia América foi no pasado.

Á fronte desta iniciativa está a empresa Hydrosphere, spin-off da Universidade de Vigo, xurdida do grupo de investigación en ecoloxía costeira, EcoCost. A súa proposta, en colaboración co grupo de investigación XM1 do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, o Concello de Nigrán, o Instituto de Investigacións Mariña e a delegación do CSIC en Galicia, foi unha das seleccionadas pola Fundación Española para la Ciencia y Tecnología nunha convocatoria de axudas para fomentar o coñecemento científico entre a sociedade e incentivar as actividades de ciencia cidadá.

O proxecto, denominado Microrreservas de praia: a concienciación social como elemento clave na recuperación de areais, ten como finalidade crear unha pequena reserva natural en Praia América para, a través deste espazo, “mudar o concepto que se ten das praias e dos sistemas dunares como espazos puramente de ocio cara unha mirada máis sostible, centrada no valor ecolóxico e no uso compartido destes importantísimos ecosistemas litorais”. Deste xeito, ademais de recuperar e protexer a riqueza do ecosistema desta zona, tamén se converte nunha aula educación ambiental in situ na que os centros educativos da contorna están a desenvolver actividades científicas e de concienciación. Xa de cara aos meses de verán os obradoiros e talleres estarán abertos a toda a cidadanía.

2000 metros cadrados para a renaturalización

O obxectivo desta iniciativa é poñer en valor o patrimonio natural dunha praia que actualmente está orientada ao ocio, achegando o coñecemento científico á cidadanía e facéndoa partícipe da súa conservación e renaturalización. Para conseguilo, crearase unha microrreserva de preto de 2000 metros cadrados que permitirá restrinxir a intervención humana nesta zona e evitar o impacto causado por actividades como as pisadas continuas ou os labores de limpeza. Deste xeito manterase esta zona libre de alteracións e favorecerase unha renaturalización progresiva, ao tempo que se emprega como aula viva de educación ambiental, onde impartir talleres didácticos. Nas próximas semanas está previsto comezar coa instalación do valado que delimitará a zona e tamén se están deseñando unha serie de paneis informativos sobre os ecosistemas dunares. Estes puntos informativos, explican dende Hydrosphere, tamén incluirán imaxes das dunas de Lourido na década de 1940, “para que poidamos reflexionar sobre o enorme cambio que sufriron dende aquela”.

A primavera para centros educativos, o verán para a cidadanía

O proxecto está estruturado en dous períodos. Dende febreiro e ata maio os protagonistas están a ser os colexios e institutos da contorna, mentres que nos meses de verán as actividades serán abertas a toda a cidadanía e de balde e desenvolveranse nas fins de semana en horario de mañá.

Os obradoiros céntranse tanto na zona dunar como na de arribazón. No primeiro caso comprenderán observación e identificación de flora e fauna, plantación de especies autóctonas ou eliminación de invasoras. No segundo caso consistirán na recollida de algas para identificar, mostraxe científica para observar macrofauna, identificación taxonómica, observación de microplásticos e avaliación do seu impacto no medio ambiente. Ademais, o persoal investigador tamén traballará ao longo do areal para estudar o tipo de sedimento e a súa orixe e para realizar perfís topográficos que acheguen información sobre a morfoloxía da praia e a súa dinámica.

Tras un primeiro obradoiro co alumnado de 4º da ESO do IES Val Miñor, esta semana foi o estudantado do Centro Ocupacional Juan María o que se achegou a esta aula aberta de natureza. Puideron percorrer a liña de arribazón da praia, observando os restos que alí aparecían deixados polas mareas. Ademais de moitas algas, atoparon tamén restos de plantas mariñas, o que deu pé a explicar as diferenzas entre plantas e algas, e aprenderon a distinguir os sempre sorprendentes ovos de raias e tiburóns que tamén chegan a praia. Atoparon tarugos ou palillos de batea e restos de cabos e redes, planteandose así a gran problemática do lixo mariño. Tamén recolleron algas da zona de arribazón para logo hidratalas en bandexas, e, coa axuda de lupas, guías e libros, observalas con máis detalle e identificar algunhas das especies máis comúns. Ademais, aproveitaron estas algas para aprender a facer un algario.

Un ecosistema en perigo

Dende Hydrosphere explican que, a diferenza das dunas próximas á desembocadura do río Muíños, nas que hai anos se levaron a cabo accións de recuperación, a zona de Lourido está “moi deteriorada e ten moi pouca diversidade”. O obxectivo do proxecto é que as especies de plantas que xa case desapareceron poidan recolonizar este espazo de forma natural, igual que sucedeu na zona próxima ao río.

Neste tipo de dunas, explican, a vexetación está moi especializada e adaptada para soportar fortes ventos, unha grande inestabilidade do substrato, grandes cantidades de sal, escaseza de nutrientes, moi pouca retención de humidade e a abrasión mecánica que se produce ao limpar os areais. Para sobrevivir desenvolveron unha serie de adaptacións, como raíces moi profundas e potentes para chegar ata a auga e fixarse con forza ao solo; formas redondeadas e deitadas para resistir fortes ventoso ou follas carnosas para almacenar auga. “Todas estas características fan destas plantas litorais especies únicas que soamente poden sobrevivir en condicións moi concretas. Polo tanto, se estes hábitats dunares desaparecen, tamén desaparecerán as especies que viven neles”. Entre elas está a Azucena de mar, incluída no catálogo de especies ameazadas ou catalogadas como “en perigo de extinción” nalgunhas rexións ou a Paxariños, endemismo da costa atlántica da península ibérica e de Francia.

 

Fonte: DUVI



X