XI Encontro da Mocidade Investigadora

XI Encontro da Mocidade Investigadora

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) acollerá o XI Encontro da Mocidade Investigadora (X EMI) os días 10 e 11 de xuño na Facultade de Psicoloxía da USC. Este evento desenvólvese, dende o ano 2012, co propósito de favorecer as dinámicas de colaboración, debate e difusión do coñecemento xerado entre estudantes de doutoramento.

O XI EMI está organizado por investigadores e investigadoras procedentes da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo, e estará aberto a todolos estudantes de doutoramento destas universidades. Polo tanto, o único requisito para participar neste encontro será ter formalizada a matrícula en calquera programa de doutoramento dalgunha das universidades do Sistema Universitario Galego (SUG). As persoas participantes terán a oportunidade de asistir e facer as súas contribucións a este evento, que durante dous días ofrecerá sesións de relatorios, pósters e mesas redondas.

O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer as principais temáticas de cada campo de investigación, o que sen dúbida constituirá unha experiencia enriquecedora para todas aquelas persoas que se animen a participar. Así mesmo, o programa contempla a entrega de premios á mellor comunicación de cada área de investigación (Artes e humanidades, Ciencias, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas e Enxeñaría e Arquitectura).

O XI EMI ofrece unha oportunidade única para mostrar e discutir as investigacións propias coas demais compañeiras predoutorais, potenciando así novas ideas e oportunidades. En definitiva, este encontro constitúe un marco incomparable para favorecer as relacións entre membros da comunidade universitaria, apostando pola colaboración inter e multidisciplinar entre áreas de coñecemento.

 

Período de inscrición: Ata o 10 de maio.

Fonte: www.usc.gal



X