Investigadores do IEO atopan plástico en peixes a máis de 1.000 metros de profundidade

Investigadores do IEO atopan plástico en peixes a máis de 1.000 metros de profundidade

Investigadores dos Centros Oceanográficos de Vigo, Málaga e Cádiz do Instituto Español de Oceanografía (IEO, do CSIC) avaliaron a incidencia de microplásticos no contido estomacal de dúas especies de peixes de augas profundas: o talismán (Alepocephalus bairdii) e o granadeiro (Coryphaenoides rupestris), dúas especies de interese comercial que se capturan habitualmente no banco de Porcupine, ao oeste das costas de Irlanda.

Neste traballo revísase a incidencia observada noutros estudos en especies similares en todo o mundo. Tras analizar en laboratorio o contido do estómago dos peixes atopáronse restos de plástico degradado nun de cada catro exemplares. Ademais, identificouse nun dos especímenes un filamento plástico (tereftalato de polietileno, PET) completo. Nos últimos anos a comunidade científica internacional deu a voz de alarma sobre a problemática ambiental relacionada co aumento dramático da entrada e persistencia de materiais plásticos no medio mariño.

Biota mariña

Para tentar comprender como afectan os plásticos ás distintas especies que poboan os nosos mares, estudouse a presenza de microplásticos na biota mariña nunha ampla variedade de animais, dende mamíferos e aves mariñas ata invertebrados.

Os peixes comerciais e de augas pouco profundas foron obxecto de numerosos traballos sobre a inxestión de microplásticos, dada a súa importancia nas redes tróficas e na dieta humana. Con todo, sábese pouco sobre a presenza de microplásticos nas especies de peixes que habitan no océano escuro, na zona batial, e existe un alto grao de incerteza sobre a distribución de microplásticos en áreas afastadas de costa e o mar profundo.

Este traballo proporciona o primeiro estudo de referencia de elementos microplásticos en peixes de tales profundidades no Atlántico e “suxire que estas especies poderían usarse como bioindicadores en futuras investigacións”, sinala Jesús Gago, coautor do traballo e responsable do proxecto CleanAtlantic no IEO.

Fonte: GCiencia



X