Xestión Integral do Mar

A Xestión Integral de Zonas Costeiras constitúe un tema de atención xeral en todo o mundo. Nada en Estados Unidos a principios dos anos setenta do século XX como a necesidade dunha xestión pública integrada do litoral, a xestión integrada das zonas costeiras tenta identificar e promover medidas para remediar os problemas aos que se enfrontan moitas zonas costeiras, e a deterioración dos seus recursos ambientais, socio-económicos e culturais. O interese comunitario polo tema xustificouse na consideración de que os problemas costeiros posúen unha dimensión europea e non poden ser liquidados polos Estados membros de forma illada; na influencia das políticas e actuacións da Unión Europea no desenvolvemento das zonas costeiras (política rexional, marítima, de transporte, pesca, medio ambiente, agricultura, enerxía, industria); e na necesidade dun intercambio de experiencias e coñecementos nun campo aínda pouco experimentado e no cal existe unha demanda pública de política substanciais.

 

A UE veu tomando conciencia sobre a importancia da problemática mariña e a súa vinculación co estado da zona costeira, reflectíndoo finalmente na Directiva 2008/56/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 17 de xuño de 2008, pola que se establece un marco de acción comunitaria para a política do medio mariño (Directiva Marco sobre a estratexia mariña). Nela establécese un marco e obxectivos comúns para a protección e a conservación do medio ambiente mariño para 2020, para o que os estados membros deberán avaliar as necesidades das zonas mariñas da súa competencia e, a continuación, deberán elaborar e aplicar plans de xestión coherentes en cada rexión e garantir o seu seguimento. O Directiva Marco sobre estratexia mariña ten un importante complemento na Directiva Marco da auga 2000/60/CE que inclúe as “augas costeiras” e “augas de transición” na xestión unitaria e integrada do ciclo hidrolóxico, e que por conseguinte debe de terse moi en conta para a adecuada GIZC, e, en particular, para lograr a “xestión de acordo coa natureza propia dos ecosistemas”.

Análise e avaliación ambiental

  • Liña 3.1: Modelización hidrodinámica de sistemas litorais e augas de transición. Modelización numérica e física de procesos costeiros, circulación e hidrodinámica costeira e procesos de afloramentos, estudo hidrodinámico de estuarios, intercambio estuario-plataforma, mesturas salinas e estratificación de fluxos, estudos hidrodinámicos, e impactos humanos sobre o medio e a súa vulnerabilidade. Aborda tamén estudos de turbulencia, modelado físico en tanques de ondas e en ríos, modelado numérico e proxectos hidráulicos en zonas de transición, modelización da circulación estuarina.
  • Liña 3.2: Xeoloxía costeira. Estudo do medio costeiro dende o punto de vista xeolóxico, sedimentolóxico, morfodinámico, sismoloxía, migración e evolución e contaminación e riscos (incluíndo o cambio global e o efecto do incremento do nivel do mar), estudo de diferentes elementos costeiros e estudos temporais incluíndo diversos períodos (Holoceno, Paleoceno), e o uso de tecnoloxías de medida como radares GPR e sonares.
  • Liña 3.3: Modelización do transporte sedimentario en sistemas fluviais e litorais. Dinámica sedimentaria destes medios, abarcando transporte, erosión, acumulación, modelado, tecnoloxías de medida, impactos e usos.
  • Liña 3.4. Fluxos de materia a través de fronteiras. Nutrientes nos ecosistemas, orixe, ciclos, fluxos verticais e bentónicos, dispoñibilidade de alimento, interaccións físico-biolóxicas dos ecosistemas.
  • Liña 3.5. Biodiversidade e ecoloxía litoral. Esta liña engloba múltiples aspectos que van dende o individuo ao ecosistema.
  • Liña 3.6. Contaminación e impactos ambientais. Efectos de diversos contaminantes (hidrocarburos, metais pesados, pesticidas) sobre os diferentes compartimentos dos ecosistemas, a diferentes escalas de tempo, o uso de especies bioindicadoras e técnicas de bioremediación e rexeneración de ecosistemas.
  • Liña 3.7. Diagnóstico e resposta dos ecosistemas costeiros fronte ao cambio climático. Respostas dos ecosistemas ao cambio global (aumento do CO2, do nivel do mar, da temperatura), en distintos compoñentes (fitoplancto, zooplancton, nutrientes…) e procesos (respiración, fotosíntese…), e o uso de diversas técnicas de medida (fotogrametría, UAV, LIDAR, monitoraxe 4D).
  • Liña 3.8. Avaliación legal e económica dos ecosistemas costeiros e dos impactos ambientais. Estudo dos ecosistemas e os impactos sobre eles dende o aspecto ambiental, económico, social., a nivel local/ rexional/nacional e transfronteirizo.
  • Liña 3.9. Análise e avaliación ambiental. Xestión do medio mariño, usos, actividades, impactos, beneficios, aspectos legais na súa xestión, estratexia ambiental, avaliación de impactos ambientais.

Planificación litoral

  • Liña 3.10. Planificación espacial do litoral. Ordenación integral de zonas costeiras. Ordenación integral de zonas costeiras. Engloba diversos aspectos como instrumentos de desenvolvemento, xestión, urbanismo, sustentabilidade, capacidade de carga, delimitación e xestión de zonas marítimas nacionais e internacionais, uso de diversas metodoloxías (GIS, teledetección).
  • Liña 3.11. Actividade económica costeira: avaliación e sustentabilidade. Sustentabilidade social, mercado, responsabilidade social corporativa, políticas públicas, de emprego.
  • Liña 3.12. Gobernanza do medio mariño e costeiro, integración de políticas públicas terrestres e mariñas, responsabilidade social. Aspectos lexislativos (políticas e estratexias públicas, instrumentos de planificación e ordenación, instrumentos fiscais) e de gobernanza (organizacións/institucións, niveis, conflitos e leis).
  • Liña 3.13. Reservas mariñas. Ámbito económico, de xestión, conservación, modelización e caracterización entre outros.
  • Liña 3.14. Uso turístico sustentable do litoral. Medio físico, especies, impactos humanos, sustentabilidade co uso turístico.
  • Liña 3.15. Sociedade e Patrimonio: Historia, poboación e conservación. Engloba dende historia contemporánea, urbana, mariña e pesqueira, ata cultura mariña e marítima.

Protección costeira e seguridade marítima: enxeñaría e regulación

  • Liña 3.16. Xestión Integrada da zona costeira recuperación e estruturas de protección. Sistemas de apoio á toma de decisións, análises de riscos e de vulnerabilidade, medida de forzas estruturais, monitoraxe en vídeo, tecnoloxías láser, erosión costeira, modelos dixitais do terreo, sistemas fotogramétricos.
  • Liña 3.17. Seguridade, risco e responsabilidade. Estudos e técnicas relacionadas coa avaliación de riscos, inspección óptima, análise económica das verteduras de carburantes, gobernanza de riscos, responsabilidade estatal e civil, responsabilidade do país de bandeira do buque, delitos ambientais, protección costeira, dereito penal, delitos corporativos, lexislación marítima, deseño de novos plans de emerxencias, modelos dixitais de elevación, sistemas de información xeográfica, LIDAR.
  • Liña 3.18. Organización dos dispositivos públicos de resposta ás crises. Funcións e competencias da Organización Marítima Internacional, dereito internacional, Unión Europea, economía do medio ambiente, portos de abrigo, regulación de riscos, participación pro-activa.

X