A Xestión Integral de Zonas Costeiras constitúe un tema de atención xeral en todo o mundo. Nada en Estados Unidos a principios dos anos setenta do século XX como a necesidade dunha xestión pública integrada do litoral, a xestión integrada das zonas costeiras tenta identificar e promover medidas para remediar os problemas aos que se enfrontan moitas zonas costeiras, e a deterioración dos seus recursos ambientais, socio-económicos e culturais. O interese comunitario polo tema xustificouse na consideración de que os problemas costeiros posúen unha dimensión europea e non poden ser liquidados polos Estados membros de forma illada; na influencia das políticas e actuacións da Unión Europea no desenvolvemento das zonas costeiras (política rexional, marítima, de transporte, pesca, medio ambiente, agricultura, enerxía, industria); e na necesidade dun intercambio de experiencias e coñecementos nun campo aínda pouco experimentado e no cal existe unha demanda pública de política substanciais.
A UE veu tomando conciencia sobre a importancia da problemática mariña e a súa vinculación co estado da zona costeira, reflectíndoo finalmente na Directiva 2008/56/CE do Parlamento Europeo e do Consello, de 17 de xuño de 2008, pola que se establece un marco de acción comunitaria para a política do medio mariño (Directiva Marco sobre a estratexia mariña). Nela establécese un marco e obxectivos comúns para a protección e a conservación do medio ambiente mariño para 2020, para o que os estados membros deberán avaliar as necesidades das zonas mariñas da súa competencia e, a continuación, deberán elaborar e aplicar plans de xestión coherentes en cada rexión e garantir o seu seguimento. O Directiva Marco sobre estratexia mariña ten un importante complemento na Directiva Marco da auga 2000/60/CE que inclúe as “augas costeiras” e “augas de transición” na xestión unitaria e integrada do ciclo hidrolóxico, e que por conseguinte debe de terse moi en conta para a adecuada GIZC, e, en particular, para lograr a “xestión de acordo coa natureza propia dos ecosistemas”.