Xuristas internacionais debaten en Vigo os principais retos da pesca sostible

Xuristas internacionais debaten en Vigo os principais retos da pesca sostible

O sector marítimo pesqueiro atópase en pleno proceso de transición cara un modelo moito máis sostible e, para conseguilo, debe transformarse nunha actividade máis sustentable, tanto desde o punto de vista medioambiental, como social –dereitos laborais- e, incluso, económico. Esta é a idea central sobre a que se está a debater este xoves e venres no Seminario internacional Os desafíos da pesca sostible, unha actividade organizada no marco do proxecto Jean Monnet Une visión européenne des océans et des mers: pêche maritime et croissance durable, que, tras dous anos de intenso traballo, está a piques de finalizar.

Na inauguración do encontro, na sede da Fundación MarInnLeg, coincidiron o director do Campus do Mar, Daniel Rey, e o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, xunto coas dúas directoras do seminario, a profesora da Universidade de Vigo Marta Fernández Prieto, e Laura Carballo, da World Maritime University, de Malmö, en Suecia. “O que demostra o programa destas xornadas é que as áreas e as investigacións non só se complementan, senón que se reforzan”, salientou  Vázquez Almuiña, quen aproveitou a súa participación neste acto para pór en valor o liderado do Porto de Vigo no tráfico da pesca e a defensa da sostenibilidade e o medio ambiente como prioridades na súa estratexia de crecemento azul.

 Medio ambiente, loita contra os actos ilícitos e emprego de calidade

O seminario achega o punto de vista de expertos xuristas de diversos ámbitos (Dereito Internacional Público, Dereito Internacional Privado, Dereito do Traballo e da Seguridade Social e Dereito Mercantil) de diferentes Universidades (Vigo, A Coruña, Córdoba, Perpiñán, Nantes, Perugia e Wordl Maritime University). “O programa, xa que logo, ofrece un tratamento multidisciplinar e holístico das cuestións abordadas”, explica a profesora Fran Fernández Prol, responsable deste proxecto Jean Monnet, ao que engade que no encontro participan arredor de 30 persoas, a maior parte xuristas expertos neste temática, pero tamén docentes de Formación Profesional do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico, que colabora co proxecto e alumnado de doutoramento.

Ao respecto de cales son os principais retos, estas expertas e expertos consideran que os mares deben converterse en espazos seguros para o exercicio da liberdade de navegación e a explotación racional dos seus recursos. A través de diferentes paneis abórdanse múltiples temáticas. No primeiro panel, co que arrancou o seminario, metéronse de cheo nas causas e as consecuencias dunha explotación dos recursos pesqueiros non responsable. Abriron o panel Raphael Baumler (medio ambiente e seguridade na pesca) e Laura Carballo (cambio climático e litixios Internacionais), docentes ambos da World Maritime University.
No segundo panel, xoves pola tarde, afondarase na loita contra os actos ilícitos, abordando temáticas como a piratería marítima ou a pesca ilegal, non declarada ou non regulamentada. Xa no terceiro, mañá venres, afondarase nos dereitos laborais e de protección social das persoas traballadoras do sector marítimo-pesqueiro, e en el analizaranse, entre outras cuestións, a prevención de riscos laborais no sector, a ordenación do tempo de traballo dos pescadores, as peculiaridades dos seus despedimentos, así como o traballo feminino no sector pesqueiro.

vía:DUVI



X