O Campus do Mar busca nas aulas respostas aos retos de futuro dos océanos

O Campus do Mar busca nas aulas respostas aos retos de futuro dos océanos

O proxecto Desafíos do océano: científicas ao mando dá o salto ás aulas. Esta iniciativa, posta en marcha pola Universidade de Vigo a través do Campus do Mar e coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación, FECYT, ten como obxectivo dar a coñecer a investigación que desenvolven mulleres científicas das institucións que pertencen ao campus de excelencia internacional. Con esta finalidade, unha das primeira actividades que se realizan ao abeiro deste proxecto é un concurso escolar dirixido a alumnado de primeiro de bacharelato de todos os centros educativos españois. O obxectivo é “espertar vocacións e achegar de xeito directo ás vindeiras xeracións a temas de candente actualidade nas ciencias mariñas a nivel global que constitúen os desafíos de futuro para os océanos, para o planeta e para a humanidade”, salienta Daniel Rey, director do Campus do Mar.

Todas e todos os estudantes interesados en participar deberán presentar un vídeo dun máximo de 3 minutos centrado nos retos que deberá resolver o ser humano no futuro en relación cos océanos e sobre as accións que eles e elas poderán levar a cabo para afrontalos. As e os participantes soamente deberán encher o formulario de participación dispoñible na web do Campus do Mar, enviar o vídeo por correo electrónico e publicalo no perfil ou páxina de Facebook coas etiquetas @campusdomar e @feyct.ciencia e cos cancelos #DesafíosdelOcéano #retos #cambioglobal. A data límite de envío é o 31 de maio.

O xurado elixirá entre todas as persoas aspirantes a seis alumnas e seis alumnos que poderán gozar dunha estancia científica en Vigo coas investigadoras participantes no proxecto ‘Desafíos do océano’, seis reputadas investigadoras do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, do Instituto Español de Oceanografía, do Centro Tecnolóxico do Mar ou do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC especializadas en especies invasoras, plásticos mariños, erosión costeira, acidificación oceánica, eventos extremos e sostibilidade da pesca. Ademais, as e os gañadores poderán gozar doutras actividades de lecer relacionadas co eido mariño.

As científicas, ao mando da loita contra o cambio climático

Desafíos do océano: científicas ao mando foi seleccionado na convocatoria para o fomento da cultura científica, tecnolóxica e da innovación que impulsa a FECYT, que achega un orzamento de 18.000 a esta iniciativa.

O proxecto busca para crear unha miniserie documental de seis capítulos de 15 minutos de duración para dar a coñecer a investigación que desenvolven mulleres científicas das institucións que pertencen ao campus de excelencia internacional. As protagonistas das pezas serán Celia Olabarría, Lucía Viñas, Marta Álvarez, Ana Bernabeu, Silvia Torres e Carmen González Sotelo, que abordarán temas accesibles pero de especial relevancia como as especies invasoras, os plásticos mariños, a erosión costeira, a acidificación oceánica, os eventos extremos e a sostibilidade da pesca.

O concurso escolar que agora se pon en marcha é unha das actividades paralelas deste proxecto, na procura de que as doce alumnas e alumnas gañadores se involucren no día a día do traballo de investigación científica mariña e participen, de forma activa, no capítulo da miniserie, establecendo un diálogo entre as científicas e o alumnado participante.

Fonte: DUVI



X