Campus do Mar promove en Navalia o debate sobre as necesidades das carreiras azuis vinculadas ao sector naval

Campus do Mar promove en Navalia o debate sobre as necesidades das carreiras azuis vinculadas ao sector naval

Entre os días 24 ao 26 de maio, a Universidade de Vigo estivo presente na Feira Internacional da Construción Naval, Navalia, cun posto do Campus do Mar, no que tamén participaron o Campus Vigo Tecnolóxico, os centros de investigación da UVigo (Cintecx, CIM e AtlanTTic) e a Oficina de I+D. Para o director de Campus do Mar, Daniel Rey, “o stand supuxo un escaparate esplendido para promocionar a trascendencia que ten o sector naval na I+D+i da Universidade de Vigo”.

O Campus do Mar remataba onte o seu paso pola feira Navalia cunha mesa redonda-coloquio, moderada polo seu director, Daniel Rey, e na que participaron representantes dos sectores portuario, pesqueiro, do metal e formativo. A xestora de Campus do Mar, Noelia Estévez, foi a encargada de presentar aos participantes na sesión, ademais do propio campus, un dos seus proxectos máis destacados Atlantic Maritime Ecosystem Network – MarENet, recentemente finalizado, e no que participaron diferentes organizacións vinculadas ao ámbito mariño-marítimo de España, Irlanda e Portugal; así como o Centro do Coñecemento Marítimo Atlántico, creado no marco do MarEnet. O centro dará continuidade aos labores que o proxecto desenvolveu durante os dous últimos anos e que inclúen a monitoraxe das oportunidades de formación nos sectores da Economía Azul, a promoción do emprendemento, xunto co deseño e a posta en marcha de cursos de formación para mellorar as capacidades dos traballadores vinculados con estes sectores.

No coloquio Building capacities in the naval sector: Campus do Mar and the Atlantic Maritime Knowledge Centre, no que tomaron parte Jesús Vázquez, presidente da Autoridade Portuaria de Vigo; Javier Touza, presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo; Enrique Mallón, secretario xeral da Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociada de Galicia (Asime) e Consuelo Romar, xefa de estudos do Instituto Politécnico Marítimo Pesqueiro do Atlántico, o director de Campus do Mar foi o encargado de promover as cuestións que se abordaron, como os factores socioeconómicos claves para favorecer que o futuro Centro Atlántico Marítimo do Coñecemento se poida constituír como unha referencia en el establecemento de iniciativas encamiñadas ao intercambio de coñecemento entre os centros de educación profesional, universidades e a industria. Na sesión tamén se tratou a necesidade dun relevo xeracional de perfís profesionais e técnicos nas áreas do naval, a demanda de financiamento público para investir no desenvolvemento dunha maior actividade naval e as razóns polas que as e os graduados nos ámbitos da pesca e do naval, perfectamente formados para introducirse dentro do mundo laboral, optan por desenvolverse noutros sectores e non teñen como primeira opción a formación que nun primeiro momento escolleron.

O posto co que Campus de Mar participou na feira Navalia, tamén contou con presenza da Oficina de I+D, o Vigo Tecnolóxico e os centros de investigación da UVigo, Cintecx, CIM e AtlanTTic.

Fonte: DUVI



X