XORNADA DE PRESENTACIÓN DO PROXECTO “SCIENTISTS MEET ARTISTS“

XORNADA DE PRESENTACIÓN DO PROXECTO “SCIENTISTS MEET ARTISTS“

Con motivo da celebración do Día Mundial dos Océanos, o próximo 8 de xuño,  o Campus do Mar organiza unha xornada de presentación do proxecto “Scientists meet Artists “, unha iniciativa que busca fusionar Ciencia e Ilustración a través da produción de láminas artísticas sobre o medio mariño. Con cada lámina quérese transmitir un concepto ou coñecemento concreto en relación co mundo mariño, ben sexa o comportamento dun organismo mariño ben sexa un proceso nos océanos. Durante un ano, persoal investigador, principalmente do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, estiveron colaborando con ilustradores e ilustradoras, e como resultado desta colaboración e traballo conxunto realizáronse doce láminas.  Cada investigador aportou a idea e o coñecemento científico, mentres que o ilustrador plasmou ese concepto e contido na lámina. Como resultado deste traballo en común, producíronse 12 láminas de estilos e temáticas diversas.

Esta iniciativa ten como destinatario principal o público infantil. As láminas estarán dispoñibles sen colorear, para que podan ser coloreadas por eles. Cada lámina leva asociados contidos didácticos, accesíbeis a través de códigos QR, de xeito que axude na aprendizaxe e contribúa  ao reto impulsado pola Unesco de estender a alfabetización oceánica (ocean literacy) da poboación, algo no que Campus do Mar, como institución, estamos implicados.

As láminas estarán dispoñibles en tres idiomas, galego, español e inglés, e poderán ser descargadas de forma gratuíta desde a páxina do Campus do Mar.

Esta proxecto presentarase no transcurso dunha xornada, que dadas as circunstancias globais, vaise desenvolver en formato online. Neste evento, ademais de participar persoal investigador e ilustradoras que colaboraron coa iniciativa, contaremos coa participación da ilustradora  María José Gajate, cuxo nome artístico é Mariajo Ilustrajo.  En 2020 recibiu o premio  Word Illustration Overall Winner da AOI (Association of Illustrators) polos seus traballos gráficos.

Para máis información, poden descargar o programa da xornada en galego ou español.

Para participar na xornada é necesario realizar a inscrición previa a través deste enlace: https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/formularios/encuesta/cubrir_paso1/7862

Desde hai décadas, a ONU celebra o “Día Mundial dos Océanos” como unha data de reflexión sobre o deterioro do inmenso azul que nos da vida. Este ano, o tema da data será “Os océanos: Vida e subsistencia”, escollido co propósito de alertar sobre o apoio que os oceanos ofrecen, nomeadamente a respecto do sustento que estes fornecen.



X