16 Sep Os parceiros de MarENet, proxecto liderado pola Universidade de Vigo – Campus do Mar, ultiman a primeira plataforma europea que centralizará toda a oferta formativa e de emprego no sector marítimo-portuario
O encontro foi inaugurado pola vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, e polo director do Campus do Mar, Daniel Rey, que estiveron acompañados de xeito telemático polo director da Autoridade Portuaria de Vigo Enrique López Veiga e dous altos executivos da Comisión Europea: o director xeral de Asuntos Marítimos e Pesqueiros da Dirección Xeral do Mar, Andreea Strachinescu, e un dos responsables da Axencia Executiva para as pequenas e medianas empresas, EASME, Vincent Favrel.
Na reunión participaron -a inmensa maioría de xeito telemático- máis de 150 profesionais que se uniron ao seminario desde os seus respectivos países, tanto de Europa –Bélxica, Francia, Holanda, Irlanda, Portugal, Suecia…- como de África -Camerún, Guinea, Ghana…-. Entre estas persoas non só había representantes das diferentes administracións e institucións académicas, senón tamén numerosos representantes das empresas, tanto públicas como privadas, dos sectores naval, tráfico marítimo, biotecnoloxía, loxística, pesca… Precisamente na importancia da unión entre a industria e a academia foi un dos aspectos nos que máis fixo fincapé na inauguración a vicerreitora de Investigación, quen tamén recalcou a necesidade de crear consorcios e unir esforzos para lanzar ao mercado novos produtos e servizos.
A nova plataforma desenvolta polos socios de MarENet está constituída por tres ferramentas dixitais que facilitan o acceso á información xerada respecto a itinerarios, oferta formativa, e ofertas-demandas de emprego no ecosistema marítimo-portuario. “Estas ‘digital tools’ permitirán integrar toda a información que se xere no proxecto de forma sistematizada, facéndoa facilmente accesible aos potenciais usuarios, así como facilitar a interacción entre os actores da empresa, o mundo da formación, os traballadores, os demandantes de emprego, etc. “, explican os responsable do proxecto.
A primeira destas ferramentas que se insiren na plataforma está vinculada ás carreiras profesionais e amosará de forma didáctica en que consiste o traballo e as tarefas técnicas de cinco perfís profesionais chave de cada un dos segmentos da economía azul que abrangue o proxecto. Segundo se explicou permitirá aos potenciais usuarios coñecer de primeira man a formación requirida para un posto dado, as tarefas a executar no día a día, o salario potencial, as oportunidades de progresar nese eido, etc. A segunda, xa operativa, está vinculada aos cursos e proporcionará información a aqueles interesados en atopar formación e oportunidades de mellora das súas capacidades profesionais, ofrecendo información sobre a oferta formativa (regulada e non regulada) para cada un dos segmentos en España, Francia e Irlanda. No caso da terceira, céntrase nos empregos e supón unha oportunidade para aquelas persoas que están na procura de traballo ou prácticas en empresas relacionados coa economía azul.
No seminario, cuxa parte presencial se celebrou no edificio Miralles, presentáronse tamén os resultados dun traballo de campo realizado nos tres países socios no que, a través de enquisas a profesionais dos sectores máis representativos, se tratou de identificar as principais demandas desta industria en termos de formación e capacitación. Unha vez analizados estes datos amosan que na industria do sector da construción naval resulta difícil atopar perfís cualificados no mercado laboral, sobre todo, eléctricos, eléctricos de motor, soldadores, persoal de operacións e de uso de máquinas… Ademais, tamén se fixo mención especial á falla de expertos en Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), así como persoas con experiencia profesional no manexo e xestión de datos (data science).
No sector de portos e servizos loxísticos demándase, sobre todo, persoal con coñecementos en navegación marítima e contaminación mariña; condutores/as de grúas e de vehículos pesados e tripulantes/capitáns en barcos de prácticos. No caso da pesca e a acuicultura tamén se admitiron dificultades para cubrir postos de traballo como capitáns pesqueiros, tripulantes para barcos de pesca, mergulladores… A xuízo das entidades entrevistadas a razón principal pola que non se atopan estes perfís débese principalmente ao descoñecemento xeral sobre as oportunidades de traballo que ofrece o sector, a falta de atractivo das tarefas a realizar e as duras condicións da contorna laboral.
En canto ás principais medidas que deberían pórse en marcha para solucionar estas carencias, boa parte das entidades entrevistadas salientaron a importancia de que a industria e os centros de educación colaboren, tanto no deseño de programas de formación dual que combinen a teoría coa experiencia práctica, como na promoción das denominadas “carreiras azuis”. A maiores, tamén se fixo fincapé na necesidade de adaptar os diferentes programas formativos á actual normativa pola que se rexe esta industria e á necesidade de harmonizalos no conxunto da Unión Europea.
Tal e como se salientou no seminario, todos estes recursos que se están creando e poñendo en marcha no marco do proxecto MarENet, buscan proporcionar información e conectar a aquelas persoas interesadas en desenvolver ou mellorar as súas oportunidades profesionais nalgunhas das moitas actividades produtivas e servizos que integran o amplo sector da Economía Azul. A efectos operativos, os responsables do proxecto explicaron que as actividades da Economía Azul que se contemplan neste estudo agrúpanse en seis segmentos: construción e reparación naval; enerxías renovables; loxística e servizos portuarios; pesca, acuicultura e biotecnoloxía azul; transporte, navegación marítima e servizos; seguimento, seguridade e vixilancia e turismo costeiro-marítimo.
Fonte: Duvi