El investigador Jorge García Molinos, del Artic Research Center (Hokkaido University de Japón), ofreció una charla en el marco del ciclo de conferencias del Campus do Mar

El investigador Jorge García Molinos, del Artic Research Center (Hokkaido University de Japón), ofreció una charla en el marco del ciclo de conferencias del Campus do Mar

Jorge García Molinos, investigador do Artic Research Center da Universidade de Hokkaido (Xapón), é un recoñecido científico cunha ampla experiencia en enfoques empíricos e de modelización ecolóxicos e climáticos. Unha das súas liñas de traballo céntrase nos impactos do cambio climático sobre a biodiversidade e os ecosistemas mariños, tema sobre o que impartiu este martes un seminario ao abeiro do ciclo de conferencias do Campus do Mar. Na súa intervención explicou como o cambio climático pode afectar á pesca global e como estes cambios representan novos retos, “pero tamén oportunidades para a conservación da biodiversidade e os ecosistemas mariños, buscando diferentes estratexias de xestión para aliviar os impactos negativos do cambio climático”.

No seminario Jorge García Molinos explicou ao persoal investigador do Campus do Mar como o cambio climático está cambiando a distribución das especies mariñas a nivel global. “Estes cambios modifican as comunidades dos nosos océanos e, en último termo, o funcionamento e os servizos ecosistémicos dos cales dependemos todos”. Para explicar “esta secuencia concatenada de cambios” empregou exemplos de proxectos e investigación nos que participou durante a súa carreira profesional. Pero o científico do Artic Research Center remarcou que “non todos estes cambios son malos, entre eles tamén existen novas oportunidades que temos que saber recoñecer e aproveitar; falamos moito de resiliencia e adaptación ao cambio climático, pero tendemos a facelo dende un punto de vista fundamentalmente negativo, é dicir, mitigando os impactos”. Dende o seu punto de vista, a adaptación tamén é “saber recoñecer e estar preparado para maximizar as oportunidades, particularmente cando estas non abundan”. Neste punto referiuse ao traballo que desenvolve o Future Oceans Lab, grupo da Universidade de Vigo liderado por Elena Ojea, que traballa en solucións para adaptar os sistemas mariños aos impactos do cambio climático.

De feito, García Molinos aproveitará estes días en Vigo para coñecer polo miúdo os proxectos deste grupo e tratar de avanzar en posibles colaboracións, publicacións e dirección conxunta de estudantes de doutoramento entre ambas institucións. Neste sentido, o investigador explica que conta “cun par de propostas de proxectos investigación que estamos preparando actualmente en Xapón para solicitar este ano nas que me gustaría contar coa colaboración de Elena Ojea”.

A relación de García Molinos con Elena Ojea e o seu grupo vén de lonxe. Explica o científico, que comezou a súa formación na Universidad de Valladolid, que se coñecen dende que a investigadora da Universidade de Vigo traballaba no BC3 en Bilbao. “A conexión nace das nosas respectivas colaboracións con xente da Bren School of Environmental Science da Universidade de California” e destaca o seu interese polo traballo que está realizando Elena Ojea co Future Oceans Lab en materia de cambio climático e resiliencia socioecolóxica, que define como “moi necesario e importante, ademais de complementario co meu”.  En concreto, o científico amosa especial interese en crear sinerxías co proxecto Clock, un estudo de cinco anos de duración que parte do feito de que os impactos do cambio climático son cada vez máis importantes para a xestión dos recursos e os medios de subsistencia sostibles e márcase como obxectivo “anticipar solucións”. Esta investigación céntrase nos impactos espaciais sobre as pesqueiras en todo o mundo, que xa están cambiando a súa distribución de stocks e exploran as mellores opcións de adaptación para a natureza e a sociedade. O obxectivo xeral é deseñar e desenvolver un marco de adaptación que integre a ciencia da xestión pesqueira no contexto dos sistemas socioecolóxicos para garantir a sostenibilidade a longo prazo dos recursos e os medios de subsistencia.

García Molinos leva dende 2015 traballando no Artic Research Center de Xapón, primeiro como investigador posdoutoral e logo como profesor axudante. Con anterioridade xa conseguira unha bolsa do Goberno xaponés “que me serviu entre outras cousas para facer contactos que facilitaron regresar logo”. Con todo, recoñece que, dado que a súa muller é xaponesa, “se non podía ser en España, Xapón era a segunda opción para nós, e a verdade é que estou moi contento coa decisión que tomamos!”.

Fuente: DUVI



X